Tema 4: O Deseño Curricular - DIARIO
Este tema trata sobre o deseño curricular, que como se
argumentou no debate da primeira sesión, é un aspecto indispensable de cara a
función docente. A definición de currículo é a seguinte: regulación dos
elementos que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para cada unha das
ensinanzas. Os seus contidos van a definir como temos que levar a cabo o noso
traballo, e por iso é importante coñecer ben os seus elementos: obxectivos de
cada ensinanza e etapa, as competencias, os contidos, os estándares de
aprendizaxe avaliábeis, os criterios de avaliación e a metodoloxía didáctica.
En xeral, os contidos do currículo para as linguas estranxeiras na ESO e no
bacharelato parécenme bastante positivos. Por exemplo, as metodoloxías que
favorecen o aprender a aprender, o traballo en equipo ou o pensamento crítico;
ou o sistema de avaliación continua, formativa e integradora.
Son elementos moi positivos, pero creo que todos (ou
case todos) estariades de acordo cando digo que non se cumpren en moitos casos.
En moitos centros, por exemplo, chámanlle avaliación continua a ter un exame
final de tipo gramatical ao rematar cada trimestre, e facer unha media dos tres
para obter a cualificación final do curso. Faise iso en lugar de facer un
seguimento continuo do traballo dos estudantes para comprobar as competencias e
habilidades que van adquirindo. Algo que me parece especialmente importante nas
materias de linguas estranxeiras, xa que é necesario valorar as catro destrezas
necesarias para a adquisición dunha lingua (listening,
speaking, reading, e writing).
Reducir a avaliación a unha proba de gramática e vocabulario transmítelle ao
alumnado que é unha materia de “memorizar, aprobar e olvidar”,
independentemente de se hai algún exercicio de listening ou speaking que
non se acaba valorando. É un sistema que non motiva en absoluto ao alumnado e
provoca unha falta de interese polas linguas e unha sensación de incompetencia
por non utilizalas dunha maneira máis práctica.
Tamén é certo que hai casos nos que se cumpren os
contidos do currículo. Na miña experiencia persoal, tiven un profesor de
inglés en 4º da ESO que utilizaba moito as TICs, por exemplo. Deseñaba exercicios
con código HTML (anque eran de encher ocos) e utilizaba vídeos musicais para as
probas de listening. Ademais, propoñía proxectos en grupos coma a
elaboración dun vídeo coa temática da unidade didáctica correspondente, que
serviu para practicar a destreza oral e motivou bastante á clase no seu
momento. Non era nada demasiado innovador, pero destacou sen dúbida en
comparación ao que estábamos acostumados. O mais innovador que vin no meu
instituto fíxoo un profesor de galego, que utilizou a plataforma Edmodo (que
vimos nos na clase) durante todo un curso en 4º da ESO como un experimento. A
utilización de unha “red social” da educación motivounos bastante pero non é
algo que se debería utilizar para os exames, por exemplo, xa que os facíamos en
grupo utilizando o skype.
En conclusión, o
currículo regula o proceso de ensino e vai ben encamiñado, centrándose na
educación por competencias e nas metodoloxías que mencionei antes. Pero iso
realmente non serve de nada cando o profesor de inglés de sempre ensina os
contidos como leva facendo dende sempre: dunha forma teórica que favorece a
dinámica de “memorizar, aprobar e olvidar”.
Se queredes podedes comentar algunha posible solución a este problema
que se vos ocorra, como pode ser a formación contínua do profesorado ou o peer to peer evaluation, que comentamos
na clase.
Comentarios
Publicar un comentario