Tema 5: As programacións didácticas vixentes - DOSIER
O tema cinco empezámolo con outro
debate piramidal; unha técnica que xa expliquei no dosier anterior. Neste caso
tivemos que escoller os tres aspectos que nos parecían máis importantes nunha
programación didáctica. Ao principio, os tres aspectos que decidimos foron os contidos, a metodoloxía, e a avaliación.
O aspecto dos contidos escollémolo case sen pensar, como se fose algo obvio;
pero cando consideramos algunhas das outras opcións máis detidamente, decidimos
cambiar esa opción por os obxectivos. Neste
debate, a diferencia do primeiro, non houbo ningún problema para poñerse de acordo
unha vez chegado aos grupos de oito ou ao grupo completo. De feito, a
conclusión final foron os mesmos tres aspectos que tiñamos en mente dende o
principio: os obxectivos, a metodoloxía e a avaliación. Antes de rematar a primeira sesión deste tema,
utilizamos de novo o Kahoot!.
A seguinte sesión empezámola
repasando as fontes do currículo, que é algo do que nos acordábamos do módulo
común. A fonte didáctica refirese
aos documentos oficiais elaborados polos Centros Educativos (PEC) e á
lexislación. A fonte psicolóxica refirese ás características psico-evolutivas dos
estudantes, que é algo que hai que ter en conta á hora de adaptar a
programación. A fonte sociolóxica
refirese ás súas situacións económicas e sociais, que tamén hai que ter en
conta para a selección de recursos na programación, por exemplo. A última sería
a fonte epistemolóxica, que se refire
aos contidos específicos da materia que ten que coñecer o docente.
Despois fixemos por segunda vez unha actividade
en grupo utilizando o Google Drive.
Tivemos que buscar un centro de secundaria a través dunha páxina web da Xunta e
analizar a programación do departamento de linguas estranxeiras. No meu grupo
eliximos o IES Santa Irene de Vigo e comprobamos que tivese todos os apartados
mínimos necesarios e que fixese referencia ás catro fontes que acabamos de
comentar. Aínda que atopamos todo o necesario, sorprendeunos o corto que era e a
pouca información que tiña cada apartado. Ademáis, citaba os obxectivos da
LOMCE en canto ás linguas estranxeiras e xusto despóis expoñía unha serie de razóns polas que ía ser complicado cumprilas (a cantidade de alumnos en cada clase e as
clases heteroxéneas, entre outras). Tamén nos chamou a atención o sistema de
avaliación contínua, que era do estilo que comentei no diario do tema catro: con
un exame ao final de cada trimestre, dos cales se faría unha media para obter a
cualificación final do curso. Despois fixemos algo parecido coa programación da
EOI da Coruña. O único que destacamos foi a forma na que estaba organizada a
propia programación, que nos pareceu que estaba dividida en demasiados
apartados. Por último, vimos uns vídeos nos que se explicaban os estándares de
aprendizaxe. Foi bastante útil xa que en xeral, todos tiñamos dúbidas á hora de
aplicalas nunha unidade didáctica.
Comentarios
Publicar un comentario