Tema 5: As programacións didácticas vixentes – DIARIO
Se tivese que destacar un apartado deste tema sería sen dúbida a avaliación; concretamente as aclaracións que
vimos sobre os criterios de avaliación
e os estándares de aprendizaxe. Son uns
conceptos que nos ensinaron na materia de deseño curricular pero que causaron
confusión no noso grupo á hora de elaborar as nosas unidades didácticas. Como xa mencionei no dosier deste tema, vimos este vídeo, que explica moi
ben o proceso de avaliación nos centros de Educación Primaria e Secundaria a
partir da LOMCE; explícao dunha maneira moi comprensible, deixando claro o que
significa cada un dos conceptos implicados, incluíndo os criterios de
avaliación e os estándares de aprendizaxe.
Os criterios de avaliación defínense mediante unha serie de verbos en
infinitivo e cada un refírese a unha capacidade que ten o alumnado. Aquí tedes dous
exemplos que se poden atopar no currículo de terceiro da ESO para a materia Primeira Lingua
Estranxeira:
B1.1. Coñecer e saber aplicar as estratexias máis adecuadas para a
comprensión do sentido xeral, a información esencial, os puntos e as ideas
principais, ou os detalles relevantes do
texto.
B1.2. Identificar información xeral e específica relevante de textos
sinxelos emitidos cara a cara ou por medios audiovisuais sobre temas concretos
e coñecidos (información básica sobre algunha materia do currículo, temas do
seu interese ou ocupacionais propios da súa idade e do seu nivel escolar),
pronunciadas con lentitude e claridade.
Pertencen os dous ao bloque de comprensión de
textos orais e describen coñecementos que o alumnado debe coñecer e saber aplicar. Neste caso, refírense ás habilidades de comprender o sentido
xeral dun texto oral e de ser capaz de identificar os conceptos máis relevantes. Son unhas
habilidades (ou uns criterios) que o docente ten que medir cos estándares de
aprendizaxe. Os estándares son observables e permítennos medir e graduar as
habilidades que se describen nos criterios de avaliación. Aquí tedes dous
exemplos do mesmo bloque:
PLEB1.3. Entende o esencial do que se lle di en transaccións e xestións
cotiás e estruturadas (por exemplo, en hoteis, tendas, albergues, restaurantes,
e centros de lecer, de estudos ou de traballo).
PLEB1.4. Identifica o sentido xeral e os puntos principais dunha
conversa formal ou informal entre dúas ou máis persoas interlocutoras que ten
lugar na súa presenza, cando o tema lle resulte coñecido e o discurso está
articulado con claridade, a velocidade media e nunha variedade estándar da
lingua.
Describen as habilidades que
acabamos de ver dun xeito máis específico para poder “medilas”. Como docentes,
teríamos que avaliar cada un dos estándares do currículo, utilizando
instrumentos de avaliación coma exames escritos, proxectos ou a observación.
Unha vez avaliados todos os estándares, que nos permiten definir os resultados
da aprendizaxe, obteriamos as cualificacións do alumnado. Deste xeito podemos determinar si se alcanzaron os obxectivos didácticos e as competencias clave propostas.
En conclusión, nas sesións do
tema cinco aprendemos diferentes
contidos sobre as programacións didácticas pero tamén aclaramos algúns
conceptos que son fundamentáis á hora de elaborar unidades didácticas. Son coñecementos
que nos van a resultar moi útiles no noso futuro como docentes.
Comentarios
Publicar un comentario