Temas 7 e 8 - Dosier
Nesta entrada imos ver as actividades
que fixemos na última sesión da asignatura. Empezámola rematando o tema 6, cun
debate piramidal. Foi sobre a conexión no ensino das diferentes linguas en secundaria
(o castelán, o galego e as dúas linguas estranxeiras). Coordinábanse os
docentes destas materias para non repetir demasiados contidos ou actividades?
Comunicábanse polo menos? O debate rematou rapidamente, chegando á conclusión
de que nos institutos aos que asistimos non había ningún tipo de coordinación
entre os docentes destas materias. A verdade é que nunca pensei no útil que
podería ser a cooperación entre os docentes de linguas. Pode ser útil para reducir
contidos repetitivos, e incluso para ensinar certos elementos que poden facilitar a aprendizaxe de varias das linguas impartidas.
A segunda actividade fixémola coa
técnica do Puzzle de Aronson. Dividímonos en grupos e cada un deles elixiu unha
unidade dun libro de texto. Cada membro do grupo pasaba a ser o “experto” nunha
das seccións do libro (como vocabulario, gramática, expresión e comprensión
oral ou lectora) e analizaba os exercicios desa parte en concreto. Unha vez analizadas
todas as partes das unidades, os grupos tiveron uns minutos para comentar o que
viron. Despois, xuntáronse os expertos de cada apartado (os de gramática de
cada grupo, os de vocabulario, etc.) e comentaron o que encontraron nas súas
unidades. Por último, xuntáronse os grupos orixináis para facer as conclusións finais.
É unha técnica bastante interesante. Converte aos alumnos nos titores dos seus
compañeiros e fomenta o traballo en equipo; como os membros son interdependentes
e cada un ten a súa función, non hai alumnos que se desentenden mentras o resto
do equipo fai todo o traballo.
No tempo restante tamén houbo
unha dinámica de “alumnos titores”. Vimos a teoría dos temas 7 e 8 a través das
presentacións que preparou a clase. Presentacións nas que vimos diferentes metodoloxías,
e sistemas educativos de varios países. Foi unha forma efectiva de aprender os
contidos restantes no pouco tempo que nos quedaba de clase. Foron presentacións
cortas e dinámicas que foron capaces de manter as nosas atencións. Comentarei os
aspectos que me pareceron máis interesantes no diario correspondente a estes
temas.
A última actividade fixémola na
casa individualmente. Consistiu en elixir dúas metodoloxías, informarnos sobre
elas e deseñar unha actividade para cada unha delas. Publicarei unha entrada coa
miña actividade nos próximos días.
Comentarios
Publicar un comentario