Tema 1 - DIARIO
Como xa vimos no dosier deste primeiro tema, vimos unha ampla variedade de contidos en dúas sesións. A algúns deles (coma o repertorio lingüístico, a didáctica de linguas, ou as etapas de aprendizaxe) dedicámoslle máis tempo, mentres que outras cuestións se reduciron a uns poucos comentarios. Entre elas, unha das que máis interesantes me pareceron foi o concepto e o tratamento do erro na aula. É algo que se mencionou tamén noutras materias do máster, pero no que non chegamos a afondar. Cómo debe actuar un docente ante os erros do alumnado? Na segunda sesión comentamos que é imprescindible proporcionarlles feedback se queremos que avancen.
Os erros son moi importantes no proceso de aprendizaxe dos alumnos, sobre todo cando se trata da aprendizaxe de linguas estranxeiras. Cando se estuda unha lingua, o normal é cometer todo tipo de erros cando se empeza a utilizar na fala ou na escrita, ou cando intentamos aplicar coñecementos gramaticais ou léxicos novos. Formulamos oracións pouco naturais ou con interferencias da nosa L1. Os erros son constantes a medida que se avanza na adquisición da lingua, e os docentes deben utilizalos para progresar por medio do feedback. Os estudantes non deberían percibir os erros como algo negativo que teñen que evitar a toda costa; teñen que darse conta de que son necesarios para aprender unha lingua.
Isto é algo que teñen que transmitir os docentes, utilizando os erros do alumnado como unha ferramenta para guiar a súa aprendizaxe. O erro dun alumno en concreto pode descubrir unha dúbida xeral do grupo, e polo tanto, unha oportunidade para resolvela. Hai que manter unha actitude paciente fronte a eles, corrixilos cando é necesario e asegurarse de que sexan conscientes dos seus propios progresos. Ademais, hai que ter en conta que non todos os erros son iguais. Non é o mesmo equivocarse de palabra e dicir unha frase sen sentido, ca esquecerse do ‘s’ de terceira persoa ou ter un fallo de entoación. O importante é que os alumnos sexan capaces de expresar as suas ideas nesa lingua, aínda que cometan algunhas faltas. Como comentabamos noutra clase, un alumno que se arrisca utilizando estruturas mais complexas sempre vai a ter máis erros ca outro que utiliza frases simples. En exames coma o de selectividad, o primeiro alumno acabaría cunha puntuación máis baixa ca o do primeiro. Penso que ese sistema só perxudica aos alumnos, estigmatizando os erros e provocando medo ou vergonza á hora de utilizar a lingua. Non se trata de escribir e falar perfectamente, nin de ter o nivel dun falante nativo; soamente se trata de adquirir a capacidade de comunicarse.
Non obstante, hai docentes que chaman a atención por todos e cada un dos fallos, e que se preguntarán por que os alumnos son tan pouco participativos nas súas clases. Ademais de quitarlles as ganas de participar polo medo a equivocarse, isto provoca e intensifica un sentido do ridículo nos alumnos. Seguro que varios de nós tivemos un docente de inglés que nunca cualificaba cun dez porque “iso nin sequera o profesor, un 10 só o teñen os nativos”. Ademais de ser unha forma de avaliar ridícula, fai que o alumnado teña unhas expectativas baixas tanto coa cualificación coma coas súas propias capacidades para aprender a lingua. En conclusión, temos que saber como tratar os erros e evitar este tipo de comportamentos. Os docentes estamos para motivar aos alumnos e intentar que disfruten das clases, non para desmotivalos e baixarlles a autoestima.
Comentarios
Publicar un comentario